Pontes entre fe, cultura e escola
O encontro pastoral educativa, organizado por Escolas Católicas, tivo lugar o sábado no colexio Maior Xelmírez e inaugurouno monseñor Prieto Fernández, quen tamén presidiu a Eucaristía. Monseñor fixo un chamamento a educar desde a esperanza, a alegría e a presenza. Pola súa parte, Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas, fixo referencia á “beleza que salva”, reinvindicada polo Papa León XIV, como eixe central do encontro que se reivindicaron manifestacións culturais como o cine, a música e a literatura ao servizo da fe.
Ao redor de 200 persoas asistiron ao encontro onde se contou coa presenza de José María Bautista, escritor, filósofo e pedagogo, que baixo o titulo “Diálogo fe-cultura despois de Rosalía”, centrou a súa conversa na necesidade de actualizar as linguaxes da fe poñendo como exemplo a revolución na imaxe da que están a transmitir artistas coma Rosalía; Christian Gálvez, comunicador e escritor, foi entrevistado por Manuel Blanco -membro do equipo de comunicación do arcebispado e o “cura da tvg”- quen conseguiu unha entrevista cómoda e moi próxima a todos os asistentes, onde Gálvez inspirou a todos os participantes coa súa experiencia de conversión e de fe partindo dunha pedra angular “a fe e o amor non se esconden”; Juan Orellana, director do departamento de cine da Conferencia Episcopal afondou nas posibilidades do cine integrado no currículo de Relixión; Lucía González-Barandiarán, periodista e CEO de Boscofilms destacou a importancia que está a cobrar o cine “inspiracional” na actualidade e como moitos actores e actrices están a “saír do armario” e deciden comunicar ao mundo a súa fe. Pola súa parte, Ángez Fernández Prado, director de cine, fundador da produtora de cine amateur, altruísta, Boscovisión e membro do xurado de REC.curta presentoulles aos asistentes Relicine, unha proposta conxunta de Escolas e Boscofilms, onde se recollen curtas, adaptadas por idades, e materiais para traballar esas curtas na aula. Ademais, reivindicou certames como o REC.curta, onde o alumnado é o protagonista de todo o proceso cinematográfico.
O broche de ouro puxérono os PREMIOS DE PASTORAL educativa e do coidado patrocinados pola Fundación Edelvives. Beatriz Relaño, asesora educativa e de institucións da Fundación, incidiu na necesidade de traballar a Pastoral desde o coidado e destacou a calidade de todas as candidaturas presentadas.
“Tecendo lazos. Xeracións que se atopan”, elaborado polo colexio Amor de Dios de Vigo fíxose co primeiro galardón, dotado con 1.300 euros e “Mochilas Franciscanas”, do colexio Sagrado Corazón da Coruña, obtivo o segundo recoñecemento, dotado con 600 euros.
A presidenta de Escolas Católicas clausurou o acto lembrando que como educadores, cómpre adaptarse aos tempos que vivimos e non esquecer nunca que todos somos coma sorteiros, cun don para buscar o mellor no interior de nós mesmos , ou como vagalumes, levando a nosa luz interior aos que nos rodean.
AS FRASES
“Non debemos perder os rostros nin as voces. Mirada de fe e oídos no corazón”. Monseñor Prieto Fernández
“Hai que ler os signos dos tempos (…). Cómpre resignificar os nosos carismas á luz dos tempos actuais”. José María Bautista
“Dicir que es crente non é cuestión de valentía. É cuestión de identidade (…) “Curiosidade, paixón, perseverancia, honestidade, sacrificio, claves para un cristián”. Christián Gálvez
“Hai cine para medrar e cine para sementar”. O cine que te cuestiona é moito máis poderoso ca o cine que dá respostas”. Lucía González
“O cine pode, e debe, integrarse no currículo de Relixión. Cómpre escoller series, curtametraxes e filmes axeitados ás idades do alumnado”
“As curtametraxes son unha ferramenta moi potente para transmitir a mensaxe e consegue que o alumnado deixe de ser espectador para converterse en protagonista da súa fe como se ve, por exemplo, nos produtos do certame de curtas REC.curta, organizado por Escolas Católicas”. Ángel Fernández Prado.
ENTREVISTA A JOSÉ MARÍA BAUTISTA EN “LA VOZ DE GALICIA”
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/educacion/2026/01/31/jose-maria-bautista-filofoso-jovenes-preguntas-/00031769858655918755929.htm
ENTREVISTA A CHRISTIAN GÁLVEZ EN “EL CORREO GALLEGO”
https://www.elcorreogallego.es/santiago/2026/02/01/christian-galvez-santiago-segunda-casa-126306840.html
ENTREVISTA A JUANA OTERO EN CADEA COPE
https://share.google/8CRYvQl2Epo4RCbnc (minuto 11′ 11″)
ENTREVISTA A JOSÉ MARÍA BAUTISTA E A ÁNGEL FDEZ. PRADO EN COPE
https://archicompostela.org/gl/tejer-puentes-entre-fe-cultura-y-escuela-eje-de-la-pastoral-educativa-autonomica/