O premio Frei Martín Sarmiento naceu no ano 2003 co obxectivo fundamental de fomentar a lectura do libro en galego entre o alumnado pertencente á rede de Escolas Católicas.

Este galardón, que leva o nome dun grande ilustrado do século XVIII amante da lingua, da cultura e do noso país, é un dos máis queridos para a nosa federación. Cada ano, un grupo de profesores le as novidades publicadas polas distintas editoriais ao longo do curso. Deste proceso saen os finalistas nas seis categorías: Infantil; 1ª categoría: 1º e 2º de Primaria; 2ª categoría: 3º e 4º de Primaria; 3ª categoría: 5º e 6º de Primaria; 4ª categoría: 1º e 2º ESO; 5ª categoría: 3º e 4º ESO; 6ª categoría: Bach e adultos.

Posteriormente, ao redor de 3.000 alumnos/as participan nas lecturas dos libros finalistas e, tras as súas valoracións, coñecemos quen é o autor/a gañador de cada ano. Para valorar as obras, remitimos aos colexios unha ficha coas categorías e o alumnado só ten que que ter en conta un criterio: “Que libro che gusta máis?”. Deben puntualo de 1 a 10.

A obra que obteña máis puntuación, será a gañadora. Os galardóns entréganse nunha cerimonia a finais de maio, xunto cos galardoados no certame de curtametraxes REC.curta, á que asisten os autores/as gañadores, representantes das editoriais, o secretario xeral de Política Lingüística e as coordinadoras territoriais dos EDLG, representantes do Festival de Cans, ademais de profesorado, alumnado e pais dos nosos colexios.

GAÑADORES DA XXI EDICIÓN DOS  PREMIOS FREI MARTÍN SARMIENTO

O venres día, 9 de maio  tivo lugar o acto de entrega dos Premios literarios Frei Martín Sarmiento no salón de actos da Secretaría Xeral da Lingua, en Santiago de Compostela. Estes  recoñecementos caracterízanse por seren os escolares protagonistas imprescindibles pois, cos seus votos, deciden as obras gañadoras. Estes premios, organizados polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas, contan co apoio da Secretaría Xeral da Lingua así como co patrocinio do Grupo Anaya.

O alumnado arroupou, emocionado, os escritores e escritoras, ilustradores/as, tradutores/as e editoras/es que asistiron ao evento e foron os primeiros en coñeceren os nomes das persoas gañadoras desta vixésimo primeira edición dos devanditoss premios. Foron ao redor de 3.000 alumnos e alumnas os que, tras leren as obras finalistas de cada categoría, resolveron que as autoras ou autores gañadores da XXI edición dos Frei Martín Sarmiento 2025 sexan os seguintes:

INFANTIL

Maldiño, a vergoña da familia. Esteban Souto. Antela Editorial.

1ª CATEGORÍA (1º, 2º EP)

Avoa, neto e burro. Caxoto. Ilustración: Cinta Arribas. Triqueta editora

2ª CATEGORÍA (3º, 4º)

Clorinda Marween. Unha bruxa inventora. María Vázquez Pupé. Cumio editorial.

3ª CATEGORÍA (5º e 6º de EP) – Recoñécese o labor de Tradución

A máquina de facer contos. Ricardo Gómez e Emilio Urberuaga. Tradución: Víctor Mascato. Triqueta editora

4ª CATEGORÍA (1º e 2º de ESO)

Como escorrentar un lobo. Antonio M. Fraga. Cuarto de Inverto

5ª CATEGORÍA (3º e 4º de ESO)

Reis da montaña. Daniel Hernández. Rodeira-Edebé

6ª CATEGORÍA (Bacharelato e adultos)

A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Xerais.

foto item Sarmiento-2

Galería de imaxes 

 

Marketing Digital. Este proyecto ha sido desarrollado por Grupo Enfoca: Diseño web Alicante