PREGUNTAS MÁIS FRECUENTES SOBRE OS CURSOS CON FINANCIAMENTO A TRAVÉS DA FUNDAE

 

1-. QUE É O CRÉDITO DE FINANCIAMENTO FUNDAE?

Todas as empresas, ao cotizaren pola continxencia de Formación Profesional á Seguridade Social, teñen dereito a dispor dun crédito de formación continua. Este crédito é a cantidade da que dispón a empresa para financiar, a través das bonificacións ás cotas da Seguridade Social, as accións de formación continua que desenvolvan para os seus traballadores ao longo do ano natural correspondente.

 

2-. COMO PODO SABER CAL É O CRÉDITO DO MEU CENTRO?

Se fixeches cursos nos anos anteriores, o crédito do ano en curso será aproximadamente, e por regra xeral, similar ao do ano pasado, aínda que ata que non o actualice a Tesourería da Seguridade Social (cara ao mes de maio) non che podemos dicir exactamente canto é.

De todas as maneiras, se asinas o Anexo de Adhesión podémosche dar de alta na aplicación  e dicirche o crédito que tes.

 

3-. CON QUEN PODO FACER CURSOS DESTE TIPO?

Preferentemente con FERE-CECA  Galicia que  organiza e  xestiona cursos con este financiamento,  aínda que non existe exclusividade. Tes que ter en conta que o financiamento de todos os cursos do teu centro restan do mesmo crédito, de maneira que hai que controlalo para non excederse e, se o excedes, ser consciente de que isto é así. Nós podemos levar o control dos que realizas con FERE-CECA Galicia, pero non os que fas con outras entidades. Lembrámosche unha cousa MOI IMPORTANTE: se o teu centro fai cursos con nós, estás axudando ao financiamento de FERE-CECA Galicia e, nestes tempos de crise, toda axuda que se reciba  é moi boa.

 

4-. QUE NECESITO PARA FACER CURSOS CON  FERE-CECA  GALICIA?

Asinar un contrato de encomenda, que che enviaremos no caso de que non o asinaras aínda.

E, se tes Representante Legal dos Traballadores ( RLT), que eles asinen un documento que che proporcionamos onde recoñecen que están informados das accións formativas que se van levar a cabo no centro.

Debido aos cambios importantes que se produciron neste punto, este aspecto é fundamental, porque calquera discrepancia que poida haber sobre este punto é causa de incidencia e non-bonificación das actividades formativas do centro. Polo que debedes comunicar calquera modificación ou variación desta circunstancia durante o ano.

Da mesma maneira, calquera cambio que se produza na titularidade do centro (cambio de CIF, subrogación etc.) debedes comunicárnolo para realizar os trámites pertinentes na Fundación Tripartita.

Co novo RD prevese un considerable aumento do control e inspección dos cursos, de maneira que todos os prazos e condicións que che imos expoñendo han de cumprirse de maneira escrupulosa.

 

5-. QUE CURSOS PODE ORGANIZAR O CENTRO?

Os que queira ata esgotar o crédito e que respondan ás necesidades reais da túa empresa. Lembra que todos os cursos teñen que solicitarse na aplicación de solicitude de cursos que temos aberta para tal fin.

 

6-. QUEN  PODE IMPARTIR A FORMACIÓN?

Existen varias opcións:

– A formación pode ser impartida por unha empresa sempre e cando esta estea rexistrada no SEPE antes do inicio da formación.

– Un profesor/a do voso centro ou persoa capacitada para impartir dita formación. Neste caso tédesnos que facilitar os seus datos para facer o contrato de arrendamento de servizos que terá que asinar con FERE-CECA Galicia.

– Un relator/a facilitado por nós e que fose ben valorado noutras formacións anteriores. En todo caso, antes de solicitar o curso será necesario axustar datas, horarios, contidos e prezo. No caso de que a impartición e facturación a leve a cabo unha empresa, tedes que verificar  que esa empresa está inscrita no Rexistro SEPE.

 

7-. QUE CONDICIÓNS TEÑEN QUE CUMPRIR OS CURSOS?

1.- Horas: a FUNDAE establece un mínimo de 2 horas, pero entendemos que unha formación debería ter 4 horas como mínimo. O máximo de horas poden ser as que consideredes oportunas ou ata esgotar o crédito do teu centro.

2.- Participantes: máximo 30 participantes por grupo (entre asalariados e autónomos no caso de que os haxa). Se queres facer un curso para un número maior terás que solicitar varios grupos. O mínimo para que se poida financiar de maneira total, calculando o prezo/hora estándar, estaría ao redor dos 10 asalariados que finalicen. Para finalizar a formación, deben asistir ao 75% das horas e completar satisfactoriamente as avaliacións de control).

3.- Estrito cumprimento do calendario establecido: unha vez que se comunica o curso á FUNDAE, este tense que levar a cabo nas datas e horarios comunicados, pois está suxeito a inspeccións e un incumprimento no calendario supón a non-bonificación do curso (o centro non recupera o importe) e ademais, exponse a unha posible multa ou sanción.

4.- Prazos: solicitalo na nosa aplicación polo menos 12 días antes da data de inicio para que nós poidamos comunicarllo á FUNDAE dentro dos prazos establecidos.

 

8-. QUEN PODE ASISTIR AOS CURSOS?

O financiamento FTFE está dirixidO a todos aqueles asalariados do centro (docentes e non-docentes), é dicir, aquelas persoas asociadas ao CIF do centro no momento do inicio, desenvolvemento e finalización do curso.

Como o caso dos nosos centros é algo peculiar, consideramos a figura do oínte para que tamén as persoas que cotizan como autónomas (relixiosos/as a maioría dos casos) poidan recibir formación.

 

9-. QUE É ISO DA INSPECCIÓN?

O curso pode ser inspeccionado en calquera momento por alguén do Ministerio de Traballo. Que vai comprobar? Que se está realizando nas datas e horas establecidas, que non hai máis de 30 persoas na sala, que os participantes coñecen que é un curso financiado por FUNDAE e que na porta da aula figure un cartel que vos mandaremos co resto da documentación. Pediranvos as follas de sinaturas das sesións anteriores, a folla dese día, e pasaranvos un cuestionario. Se o facemos todo ben, como adoita suceder, non hai ningún problema.

 

10-. QUE CONCEPTOS COBRE O FINANCIAMENTO FTFE?

  • Para o pagamento aos relatores/as, coa correspondente retención do 15% de IRPF, tes liberdade total para negociar o prezo que consideres conveniente. Quen lle paga ao relator/a? O pagamento sempre o fai FERE-CECA Galicia. No caso de que o relator/a sexa unha persoa física, a factura irá asinada por el.
  •  Gastos de xestión e organización da impartición
  • Viaxes e estancias do relator/a, no caso de que este veña de fóra da Comunidade de Galicia; neste caso, tes que comunicárnolo ao solicitar o curso para que nós o teñamos en conta. Se tes máis dúbidas sobre este punto, consúltanos (administracion@escolascatolicas.es).

 

11-. TEÑO PENSADO  FACER UN CURSO XESTIONADO POR FUNDAE, COMO E ONDE O SOLICITO?  

Temos habilitada na nosa páxina web https://www.escolascatolicas.es/,   pica en formación e  elixe FUNDAE-bonificación. Na páxina tes distintos documentos que recomendamos que leas, e tamén  o plan formativo 2020-2021. Sigue os pasos indicados  para dar de alta o curso. Se te atopas con dificultades, chámanos e  coa pantalla do ordenador  aberta  irémosche indicando.

Se queres información máis detallada do Plan Formativo ou formación á medida, consúltanos en innovacionpedagoxica@escolascatolicas.es

 

12-. NON PEDIMOS NUNCA CURSOS E ESTOU UN POUCO PERDIDO, QUE PODE FACER?

Se non teu colexio aínda non pediches cursos, ou máis práctico é que chamedes a FERE- CECA Galicia, nós podemos atendervos todos os días de 07:00 a 15:00 (Administración-Xestión Fundae; Innovación Pedagóxica-Deseño, planificación cursos). Falamos contigo e comezamos os tramites  para realizar o curso; poderás comprobar que é moi sinxelo levalo a cabo.

 

13-. QUE DATOS NECESITO INTRODUCIR 12 DÍAS ANTES DO INICIO DO CURSO?

 Con eses días de antelación, necesitamos os seguintes datos: título do curso, obxectivos e contidos, horas, calendario das sesións… e ter a certeza de que concertaches todo o referente ao curso co relator/a (se é empresa ou persoa física, se está no SEPE, horas, prezo etc.). Os datos dos participantes necesitámolos tamén pero abonda con que estean 5 días antes. Como novidade este ano temos que custodiar unha avaliación do curso de cada participante, que xustifique o seu aproveitamento. Para iso, incorporamos na aplicación da nosa páxina web un apartado específico. Haberá que pedirlle ao relator/a un pequeno cuestionario de 3-4 preguntas de resposta múltiple cunha delas correcta. Así, poderase avaliar de forma rápida e sen excesiva carga para ninguén.

14-. NECESITO ALGUNHA DOCUMENTACIÓN MENTRES SE REALIZA O CURSO?
Si, toda a documentación que che mandamos  previamente. Con ela enviaremos unha carta explicativa para que saibas que tes que facer con esa documentación.

 

15-. COMO RECUPERA O CENTRO O DIÑEIRO?

Ao finalizar a acción formativa, tédesnos que remitir a documentación nun prazo máximo dunha semana tras a finalización da formación. Nós facemos as notificacións correspondentes á FUNDAE e enviámosvos un documento de bonificación para que llo fagades chegar ao voso xestor/a e a factura de pagamento a FERE-CECA Galicia cuxo importe pagaredes ao ingresalo en conta. No TC1 do mes que vos indicamos recuperaredes o importe do curso (o que lle pagastes a FERE-CECA Galicia por el) como Bonificación na cotización á Seguridade Social do teu centro.

 

16-. E SE O MEU XESTOR SE DESPISTA COA BONIFICACIÓN?

Todas as bonificacións se teñen que practicar no ano natural correspondente. Se se practica nun mes posterior ao indicado non hai ningún problema, como último sería aplicar a bonificación  do mes de decembro que se pagaría en xaneiro do ano novo.

 

17-. E SE TEÑO MÁIS DÚBIDAS?

Como che indicamos, chama a FERE–CECA Galicia (981 58 252 27 Contacto Xestión FUNDAE: Administración-Marga; Deseño e planificación de actividades formativas: Innovación Pedagóxica-Charo) estamos á túa disposición para resolver  todas as dúbidas que che xurdan.

 

Suxerímosche que non deixes pasar esta boa oportunidade de financiamento da formación dos teus traballadores/as. Para iso, non dubides en utilizar a orientación e xestión de FERE-CECA Galicia.

 

Marketing Digital. Este proyecto ha sido desarrollado por Grupo Enfoca: Diseño web Alicante